Entrevista em Galicia Hoxe.

Pode-se ler aqui tal como foi editado.

Que lle parece que esta entrevista vaia ser transcrita en galego normativo?
Normal, é a vosa liña editorial.
Por que, segundo vostede, deberiamos reintegrarnos? non son xa as cousas abondo complicadas?
Precisamente por iso. Hai certo consenso en que existe unha comunidade lingüística chamada galego-portugués que ten tres variedades, a galega, a portuguesa e a brasileira. Tendo en conta que desas hai dúas que tiveron éxito, pois a nosa lingua en Portugal e no Brasil é a lingua de todas as clases sociais, a lingua que se usa para todo, o máis lóxico é espellarse nela e non irmos por libre.
Mais os portugueses adoitan ignorarnos lingüisticamente.
Depende.
Iso si que é galego.
Iso si.
Podería contarlle unha anécdota. Nunha estadía en Lisboa, amosei a un profesor de portugués da Namibia –un mozo bastante novo, que facía nun curso na Universidade Nova, e que non me cría cando lle falaba da existencia do galego e da coincidencia lingüística– a Historia da lingua portuguesa de Ivo Castro, naquela altura o manual máis punteiro, onde especifica as tres variantes do portugués das que vostede fala e como a lingua nacera en territorio galego, etc. e o home non acreditaba. “Mas isso é uma descoberta, haveria que dar aulas sobre isso! Você tem de vir a Namíbia a contá-lo!” E xa ao final bromeaba: “Tou a falar galego”.
Acho que con Portugal temos que facer un traballo de diálogo, sentar a falar con eles. Por exemplo, a Academia Galega da Língua Portuguesa é o que está a facer e iso dá froitos. A Universidade Aberta, que é como a Uned en Portugal, vai instalar dúas sedes na Galiza e a lingua vai ser a portuguesa. Hai que rozarse, hai que falar, mimarse, explicar.
Iso soa ben. Daquela, os historiadores da lingua en Galiza son pouco cariñosos?
O que acontece é que nos anos 70-80 houbo dúas estratexias, unha é a que defendemos nós, a chamada reintegracionista e outra é a que defendía que o galego tiña que ir por libre, e foi a que triunfou. Porén, un dato histórico moi pouco coñecido é que no ano 1980 había unha normativa oficial, elaborada por unha comisión presidida por Carvalho Calero –fanse agora cen anos do seu nacemento– e que era moi parecida á actual, mais cunha diferenza importantísima: xa no prólogo especificaba que tiñamos que escribir así por motivos circunstanciais, mais habia que ir avanzando na confluencia co portugués. Esa normativa foi eliminada no ano 1983 e foi colocada outra no seu lugar, que dicía o contrario, en coincidencia cunha maioría absoluta do Partido Popular.
Non obstante, quen fala agora algo do portugués é precisamente o Partido Popular. Son os do PP reintegratas?
Non. É un discurso moi vello e nunca conseguido. Fraga tamén ten falado de Portugal, pero hai que pasar da teoría á práctica. Non é unha cuestión filolóxica, é política. É moi importante dicir isto, porque haberá filólogos que defendan unha ou otra opción e con argumentos máis ou menos sensatos mais é unha cuestión política e cultural.
Claro que a fidelidade filoloxica inclinaría a balanza cara á lusofonía, polo menos en certos aspectos como nh ou lh.
A quen lle vai preguntar!. Sería así, mais é máis complicado do que iso.
Desenvolva esa complexidade.
Se nós falamos portugués isto coloca o conflito lingüístico non en chave española, mais en chave internacional. Vou por un exemplo, que nunca vai acontecer na galiza, mais que se pasou no Quebeque, unha parte do Canadá onde falan francés. Anos 60, o presidente francés De Gaulle chega e berra, Vive le Québec libre! (Viva o Quebec libre), o que causou un grande impacto a nivel internacional. Evidentemente, nunca van vir a Galiza nin Sócrates nin Lula a berrar Viva galiza libre, mais a confluencia co portugués coloca a lingua nun nivel mundial, iso com certeza.
Non vai vir Lula, pero a última vez que estivo aquí Caetano Veloso si que dixo que ía falar portugués porque eramos a mesma lingua.
Por fortuna cada vez está a haber máis achegamento cultural entre o Brasil e a Galiza. O gaiteiro Carlos Nuñez edita un cd no Brasil, por exemplo. Uxía Senlle organiza Cantos na Maré. E é verdade que cada vez que vén un brasileiro temos que lle explicar como é o tema da lingua, mais chegará un día que iso non suceda. Para iso ten que acontecer algo dentro.
Que ten que pasar?
A imaxe que damos é confusa. Hai mes e medio estivo en Vigo a RTP (Rádio e Televisão de Portugal) para facer unha serie de entrevistas pola rúa. Eran os saldos en Portugal e querían animar a que foran de saldos alí. Todas as persoas que entrevistaron falaban en castelán. Aquela entrevista podía ter sido em Murcia e ninguén se daría conta.
Cada vez pasa menos, pero ás veces un vai a Portugal e lle responden en castelán.
Cando unha lingua non ten Estado non se vé. Saben que existe a Galiza mais non saben que ten un idioma. Eles queren ser amábeis e se soubesen que nós falamos unha forma de portugués era moito máis simple, mais non saben. Vou contar unha historia real .
Conte, conte.
Está un brasileiro e chega un galego e comezan a falar.
Vai contar un chiste –unha piada, que diría vostede–?
Non, aínda que pode resultar gracioso. O galego fala no seu galego e o brasileiro fala no seu e enténdense perfectamente. Acaban de falar, despídense e o brasileiro dime “ten unha lingua moi parecida á miña”. Entendéronse ben mais establece a  fronteira de non seren a mesma lingua. Foi educado para iso. Despois chega un portugués e teñen dificultades para se entenderen. Acaban a conversa e o brasileiro dime: “ten un portugués tan fechado que teño dificultades para entendelo ben”. É fascinante.
Pero por que adoptaron vostedes unha grafía ten estraña?
A que se refere?
Desde logo non a lh, nin a nh, nin a moitas outras cuestións. Falo dese -çom, que a moitos lles soa tan artificial.
Basicamente, a ortografía do portugués é a nosa ortografía medieval, e hoxe en día estamos tan sociabilizados na ortografía do castelán que calquera outra opción nos parece inviábel. Com quen queremos comunicar? só con nós mesmos ou co resto das variedades? Esa é a grande pregunta. Se só queremos falar con nós mesmos, o galego oficial é perfecto, e usar nh e lh é complicar, porque a xente pode apañar o galego e colocarlle a ortografía do castelán e pronto, é o máis sensato. Mais se aspiramos a comunicar algo diferente, se aspiramos a falar con douscentos millóns de persoas, como dicía o presidente Feijóo, daquela debemos mudar algunhas cousas.
Xa, mas, escribindo ‘opçom’, conseguiremos comunicar con alguén?
A norma Agal naceu para ser unha ponte entre as falas galegas e a escrita do portugués, no convencimento de que os galegos sentirían como máis próxima esta ortografía tendo em conta a pronuncia.
Non era mellor escribir -ção aínda que leamos çom ou zom ou ción? Ao final, a escrita non deixa de ser unha convención, non é o mesmo que a fala.
O tema é chegar a iso. Mais, mesmo que uses o galego oficial é importante ver o portugués como un reforzo. O Narcis Serra, presidente de Caixa Catalunya afirmaba hai pouco: “O Brasil é unha grande oportunidade, só temos un problema, a lingua”. Os galegos non temos ese problema. Os medios de comunicación poderían facer moito pola difusión disto. GALICIA HOXE, por exemplo, podería ter unha parte en portugués, unha sección semanal de Lusofonía, por exemplo. Ou esta entrevista a partir deste punto poderías escribila con grafía portuguesa.
Feito.
São cousas que se podem fazer. Não esqueço um dos primeiros manuais de galego, ano 1980, onde aparecia um mapa da nossa língua no mundo e estavam a Galiza, o Brasil, Portugal, etc. Como seria a perceção das diferentes gerações de alunos e alunas galegos se nos manuais escolares continuasse esse mapa? Menos preconceitos, com certeza.
Involuímos?
Nalgumas questões sim.
Lembra cando na TVG punham Os novos (The Young Ones)?
Lembro.
Há pouco baixei da internet alguns capítulos e reparei em que o galego era, na verdade, além de mais rico, mais próximo ao português. Fomos eliminando algumas palavras que estavam no uso ou no debate aqueles anos?
Fomos. A geração de 80 ficou marcada pola questão normativa. As gerações que chegamos depois temos um toque de humor, de retranca, que na Galiza é absolutamente imprescindível.
Para acabar, que opina do decreto do galego e a política linguística da Junta?
Falando de humor… a legislação sobre o que se elabora o decreto, os objetivos a alcançar e as ações que se querem implementar para atingir os objetivos som incoerentes entre si. Não se pode garantir um conhecimento similar de ambas as línguas com uma quota de 50%. É uma questão técnica. Não se pode superar os preconceitos sobre o galego dando as matemáticas em castelhano. É uma questão técnica. Por se não bastasse, o castelhano é aproveitado na sua máxima capacidade, em palavras do presidente Feijoo, para comunicar com 400 milhões de pessoas. O galego continua infra-utilizando-se. No fundo, o que se trata é de tornar inútil a língua em que se desenvolve esta entrevista. O passo seguinte, a demagogia do liberalismo de mercado.

Março 2010

This entry was posted in Entrevistado é particípio. Bookmark the permalink.