Memorando para o ensino do portugués… en Trujillo

Xurxo Estevez é o seu autor. O artigo nasceu, em suas palavras, porque “Actualmente, resido e traballo en Lisboa, rodeado de estremeños. Asombra ver a “naturalidade” coa que asumen que o portugués é o veículo necesario que abre a porta de entrada e a vía de circulación dos intereses económico-sociais da rexión. É inevitábel comparalo con o que está a acontecer na Galiza porque ten grande delito.”

Imaxinemos que cada curso, e grazas á intervención institucional do goberno galego, dez mil persoas se matriculasen nun cento de cursos de portugués ao longo de toda a xeografía galega.

Supoñamos que as diversas consellerías organizasen, cada ano, 60 proxectos culturais e máis de 100 actividades educativas conxuntas, alén de impulsar cursos radiofónicos das respectivas linguas.

Pensemos por un momento que un servizo especializado se adicase a editar sistematicamente, a cada lado da fronteira, unha serie de libros e revistas para difundir mutuamente a literatura, a historia, a arte, a cartografía, a xestión ambiental, os recursos rurais, o comercio e os negocios en xeral, a artesanía, a música, as ciencias humanas e sociais, a gastronomía, a política hídrica, a produción ovina e caprina, os cultivos, os incendios forestais, as cuestións de xénero, a produción de tabaco, a administración electrónica, a eficiencia das institucións financeiras, as formas propias de pensamento, as políticas urbanas e territoriais e un larguísimo etc. de temas, coa mirada posta en facilitar o coñecemento mutuo.

Figurémonos que a Xunta convocase periodicamente un concurso internacional para premiar os mellores proxectos de vencello entre os dous países, ou que se programasen festivais de cine, de música, danza, congresos e encontros transfronteirizos para fomentar, por exemplo, as producións agrarias extensivas, os contactos entre criadores de cavalos, entre as sociedades de ovinotecnia e caprinotecnia, o desenvolvemento local, sustentábel, rural e comunitario, a arqueoloxía, o intercambio de experiencias sobre a eliminación de residuos, sobre o porco ibérico, sobre a recuperación das vías pecuarias transfronteirizas, sobre o aceite, o tabaco, o touro, o viño, encontro de ateneos, intercambios culturais entre cidades concretas a ambos lados, entre empresarios, entre filósofos, estudantes, avogados…

Se iso todo acontecese, e se ademais a Xunta de Galiza estivese aínda gobernada polo bipartito PSOE-BNG, que diría “Galiza Bilingüe” dese balance? Como o cualificaría Mariano Rajoi?

Con certeza que o Sr. Rodríguez Ibarra, ex-presidente socialista da Junta de Extremadura, sempre presto a denunciar calquera sombra de “separatismo independentista” xunto ao seu amigo Paco Vásquez, cualificaría ese achegamento galaico-lusitano como estratexia perversa para fortalecer as tendencias centrífugas das “rexións periféricas” a carón da ruptura de España.

Mas señores e señoras, resulta que esa lista é real! Ese impresionante caudal de actividades e intercambios existe: trátase do balance entre 2003 e 2007 publicado polo “GABINETE DE INICIATIVAS TRANSFRONTERIZAS DE LA JUNTA DE ESTREMADURA”!!!

Políticos expertos, eles si que o teñen claro: PORTUGAL É A CONEXIÓN LÓXICA E NATURAL DE ESTREMADURA para expandir a súa economía, para obter unha saída ao mar, para incrementar postos de traballo, para…

E nesta tarefa de expansión, é fundamental aumentar o dominio do idioma portugués por parte dos estremeños. Soa ben, non-si?

Nese caso, non hai impedimentos ideolóxicos nin patriotadas: imos todos a aprender portugués, afirman, con Ibarra á cabeza, el que foi o estratego do extremo-lusitanismo.

Vense de aprobar o Memorando para o ensino do español e portugués en ambos estados, onde se poñen os meios para a introdución das linguas nos dous sistemas educativos. Sabedes onde se deu o acto protocolario da asinatura e quen estaba presente?

Pois asistiron os ministros de Educación de España e Portugal, Angel Gabilondo e Maria Lurdes Rodrigues, respectivamente… e o presidente da Junta estremeña, Sr. Guillermo Fernández Vara! O acto desenvolveuse en Mérida, pois os estremeños foron os primeiros en aderirse ao protocolo de intercambio, e mesmo comezaron xa unha forte campaña mediática para captar matrículas de portugués nos centros de ensino ao principio do curso.

E na Galiza? Será que nada temos a ver co idioma lusitano? Como é posíbel que a sinatura de un tal protocolo nos pasase por diante do nariz sen que o Sr. Feijoo fose parte activa, sen que os meios de comunicación o destacasen, sen que houbese unha iniciativa parlamentaria, unha proclama política, unha moción partidista, un acto das organizacións normalizadoras, da RAG, unha manifestación dos sindicatos do ensino?

Namentres, o principal mentor dos espectaculares avances estremeñistas na materia, o Sr. Rodriguez Ibarra, recolle os froitos lusófonos cunha man e nos azouta aos que queremos fomentar relacións con Portugal coa outra, insinuando que somos uns tolos-terro-separatistas.

Sería moi fácil rematar aquí con algunhas frases dos nosos pensadores máis ilustres sobre a importancia do engate gaico-luso. Sería moi fácil e moi triste, á vista dos magros resultados que, entre uns e outros, imos recollendo.

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=NQ2fUZT0vOo]

This entry was posted in Gostava de tê-lo feito eu. Bookmark the permalink.