Lusoafonia

O autor é Leo i Arremecaghona: “Son un kanautor, ou un cantautor punk, en galego, clasificado moitas veces como bravu, ainda que a min gustame pensar que vou a mina puta bola, ou sexa, que son un outsider”
http://arremecaghona.blogspot.com/

O Muro de Berlín. A cirurxía capitalista aplicada a unha cicatriz que non acaba de fechar: só o 11% da poboación mundial acepta o capitalismo de libre mercado tal e como está, segundo BBC News.
O Muro de Verín. Onde van as Chaves para o Muro de Verín?

Berlín non era a única cidade dividida do planeta: Budapest, Vitoria/Gasteiz, Salvaterra/Monção… A nosa cicatriz é unha raia seca, e tamén un Miño que nos converte en lombos mollados á procura de toallas en Tui/Valença. Chego aló e recibo unha involuntaria mensaxe subliminar: Ponte Internacional. Vale, pois póñome. Póñome internacional e digo, con Xoán Vázquez Mao na Grande Marcha cara a Galiza-Norte de Portugal, a única Eurorrexión da Península que algunha vez existiu de facto como territorio único na historia, que “a Eurorrexión non será tanxible ata ter medios de comunicación”. Póñome internacional e miro cara á Estremadura española, que promete que en 2013 o portugués ha ser a segunda lingua da comunidade.

Salto á corda coas isoglosas e chego sen problemas, como pouco, até Porto, ao “Aeroporto de tódolos galegos” (sic). Acórdome de Nebrija e da súa nai (Isabel a Catódica) e lembro que “siempre la lengua fue compañera del imperio” e que os gramáticos portugueses do XVI condenaron “acougar” por ser palabra miñota.

O Eixo Atlántico é un “veículo longo” e o Muro de Verín nin sequera chega a capitalista, é do Antigo Réxime, con toda a polisemia que o nome indica. Preguntáronlle un día no ILG a unha miñamiga de Goián: “Ten vostede algún problema coa normativa oficial?” “Niñum”, respondeu.

This entry was posted in Gostava de tê-lo feito eu. Bookmark the permalink.